18/11/07

UNHA PEQUENA PRESENTACIÓN DE MEIGALLO (para enviar á coordinadora de EJE)


Somos 19 alumn@s (sete mozas e doce mozos) de 4º ESO A e B do I.E.S. “David Buján” de Cambre (A Coruña). Ao longo deste curso 2007-2008 imos participar en “Empresa Xoven Europea” (EJE) pois consideramos que pode ser un bo xeito de iniciarnos no mundo das empresas e dos emprendedores. Estamos dispostos a comerciar e prestar axuda a calquera cooperativa que como nós queiran facer un bo traballo.


O nome que eliximos para a nosa cooperativa foi o de “Meigallo”. Significa feitizo, embruxamento; encantamento do que se valen as “meigas” para conseguir os seus propósitos.


No municipio de Cambre hai dous institutos: o I.E.S. Alfonso X O Sabio” situado no novo núcleo urbano de A Barcala e o noso, I.E.S. David Buján, situado en Os Campóns (Parroquia de Sigrás).

No noso centro ademais da ESO tamén se imparten ensinanzas de Bacharelato, Ensinanza Secundaria para Adultos (ESA) e un Programa de Garantía Social (PGS).


No noso instituto dispoñemos de dúas Aulas de Informática, nunha delas (Info.-A) é onde realizamos as actividades correspondentes ao proxecto EJE.

Cambre ten 23.000 habitantes aproximadamente e a súa superficie é de 41 km2, é un municipio cun crecemento vexetativo positivo e un saldo migratorio tamén positivo, é dicir, a poboación nos últimos anos aumentou considerablemente. Á súa vez, co aumento da poboación, o municipio tamén foi medrando en construcións e servizos.


Cambre sitúase a uns 12 Km. e a tan só 15 minutos de a cidade de A Coruña en coche. No centro de Cambre está situada unha bela igrexa románica do século XII que se chama Santa María de Cambre.

Por Cambre discorre un río, o Mero e ao redor de el hai un paseo moi agradable que vai desde A Barcala ata a presa de Cecebre.


Se vos achegades á cidade de A Coruña tamén encontraredes moitos lugares de interese. Recomendámosvos visitar a Torre de Hércules, proposta recentemente para formar parte dos monumentos Patrimonio da Humanidade. Trátase do único faro romano do mundo que aínda segue en funcionamento.

No hay comentarios: